Corpos en movemento para celebrar o Día Internacional da Danza
Por Redacción
O exterior do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acollía na mañá deste xoves a posta en escena do espectáculo de danza contemporánea "Solodados", creado e interpretado polos bailaríns Clara Ferrao e Leodán Rodríguez, acompañados da música en vivo de Lkina.
Esta representación forma parte dos actos de celebración do Día Internacional da Danza, que se conmemora este 29 de abril.
A presidenta de Deputación, Carmela Silva, asistiu a esta posta en escena, dentro do programa "Aviventa Cultura", que impulsa o organismo provincial para apoiar o sector cultural e artístico neste 2021.
A danza, "un instrumento que forma parte da identidade dos pobos", manifestou a presidenta na súa intervención, demostra que "a cultura é proximidade". Carmela Silva tamén fixo mención á importancia do Día Internacional da Danza porque "celebrar este día é celebrarnos a nós mesmos e nós mesmas como unha humanidade que se transforma a través da cultura". Por este motivo o ente provincial quixo chegar a toda a cidadanía coa celebración do acto no espazo público "que nos pertence ás persoas", apuntaba Silva.