"Cen anos sen Emilia" para recordar en Pontevedra a dimensión de Pardo Bazán
Por Redacción
En maio cumpriranse cen anos da morte de Emilia Pardo Bazán, unha figura clave na cultura galega. Por ese motivo, Galicia impulsará unha ampla e variada programación de actos que lembrarán a figura, a traxectoria e a dimensión multifacética desta escritora.
Así o anunciou este martes o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que presentou en rolda de prensa esta programación, na que estarán implicadas unha trintena de institucións e entidades de Galicia, España e Estados Unidos.
A Coruña, cidade natal de Pardo Bazán, será o eixo central desta conmemoración que contará cunha gran exposición que se exhibirá en Madrid e na Coruña, dous congresos internaciones coas tres universidades galegas ou a edición de diferentes publicacións.
Pero a programación deseñada para lembrar á escritora tamén chegará a Pontevedra. Será a través de actividades de divulgación e de difusión na biblioteca e, sobre todo, nunha exposición de rúa itinerante que percorrerá as sete grandes cidades.
Esta exposición recibe o nome de "Cen anos sen Emilia " e ten a Xulia Santiso, conservadora da Casa Museo Pardo Bazán da Coruña, como comisaria. Irá pasando polas diferentes cidades entre os meses de xuño e decembro.
Ten como obxectivo divulgar a figura de Emilio Pardo Bazán e enlazar o coñecemento académico sobre esta autora co uso da linguaxe adecuada para que a cidadanía coñeza de maneira rotunda a un personaxe que, aínda hoxe, é o máis traducido da literatura galega.
Pola súa banda, a Biblioteca de Pontevedra acollerá entre os días 3 e 21 de maio a mostra bibliográfica "Coñecendo a Emilia Pardo Bazán: escritora, xornalista, feminista".
Exhibirá unha serie de libros da escritora, tamén dispoñibles baixo a modalidade de préstamo, que se acompañan dunha breve biografía e bibliografía, a modo de centro de interese bibliográfico, e que están destinados a un público xuvenil e adulto.