38 artistas seleccionados no certame Novos Valores expoñen as súas obras no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo acolle ata o próximo 27 de outubro as obras dos 38 artistas seleccionados ou premiados no certame Novos Valores de Artes Plásticas 2013, convocado pola Deputación de Pontevedra para dar visibilidade a talentos artísticos emerxentes. Nel participaron pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, grabadores, ceramistas, fotógrafos, videocreadores, todos eles galegos e de diferentes idades.
Os galardonados nesta edición, cuxas obras destacan na exposición, foron Antía Barba, coa súa obra Sen título, que se levou o primeiro premio de 4.000 euros; Ana María González, segundo premio, de 3.000 euros, pola súa obra Crecendo entre soños, e Fernanda Llovo, terceiro premio, de 2.000 euros, pola súa obra O agasallo máxico do coelliño pobre ao neno que case foi príncipe.
As tres artistas foron seleccionadas por un xurado presidido pola deputada Ana Isabel Vázquez e integrado polos expertos en arte Carlos Rosón, responsable da Fundación RAC; Carlos García Suárez, da Fundación Laxeiro; Manolo Dimas, pintor e profesor de Belas Artes; Manolo Paz, escultor; Antón Pulido, tamén artista, e Fátima Cobo, coordinadora de exposicións da Diputación.
Na súa inauguración, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, destacou que "os 38 artistas que expoñen aquí as súas creacións pode que hoxe sexan descoñecidos, que non gocen do prestixio de ter exposto en grandes salas nin de ter recibido as mellores críticas nas máis prestixiosos revistas de arte; pero teñen, sen dúbida, o talento do que nacen as grandes obras".
"Pero estas 38 obras non son máis que unha pequena representación da realidade creativa desta provincia", continúo Louzán. "Porque Pontevedra é berce de grandes creadores, é terra fértil para as máis variadas disciplinas artísticas e quere seguir séndoo. Non en van son máis dun cento de obras das máis variadas disciplinas (pintura, escultura, debuxo, cerámica, fotografía, creacións audiovisuais, deseño) as que cada ano se presentan a este certame".
As obras premiadas e seleccionados recolleranse nun catálogo dixital que se poderá descargar na páxina web do Museo de Pontevedra.