O selo Discos da Máquina preséntase no Liceo Mutante con concertos de Grampoder e Das Kapital
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/53486e51c1bb6-daskapital.jpg)
© Discos da Máquina
O Liceo Mutante de Pontevedra acolle este venres día 27 de setembro, ás 20.00 horas, un concerto especial de presentación do selo cooperativo Discos da Máquina. Os grupos composteláns Grampoder e Das Kapital farán unha sesión que custa apenas cinco euros e na que se poderán conseguir os discos e o merchandising do selo.
Grampoder son Le Roi e Martin Wu, antigos compoñentes de bandas como The Homens, Stay Pretty ou Fame Neghra. Fan rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico, hardcore comeflores. O seu set cabe nun Seat Ibiza e tanto poden tocar no Carnegie Hall coma no hall dun piso. Na súa curta traxectoria tiveron ocasión de actuar en bares, restaurantes, chiringuitos, museos, galpóns e salas de estar. En maio editaron con Discos da Máquina o seu primeiro disco, Golf Whiskey.
Das Kapital nacen en 2011 no corazón da treboada. Autora dos elepés Ruído negro (autoeditado, 2011) e Grecia (Discos da máquina, 2013), a banda combina axitación, propaganda, beats rotos, unha poética desfigurada pola guerra en curso, melodías fóra de consenso, palabras de orde intempestivas, e adscríbese ao mesmo lugar que comparten Walter Benjamin e Programme, Os Resentidos e Heiner Müller, Nine Inch Nails e Lois Pereiro.
A célula compóñena O Leo (voz), Marcos Paino (bases e sintetizadores) e Daniel Salgado (sintetizador) e por ela pasan, ademais, Tomás Ageitos (son e produción), Doctor Chou (guitarra) e David Ageitos (guitarra).
Discos da Máquina é unha asociación non profesional de grupos independentes que colaboran no traballo de xestión e promoción dos seus discos. Distribúe os traballos en tendas, por correo e nos concertos dos seis grupos que polo momento o conforman (Ataque Escampe, Das Kapital, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Grampoder, Caxade e The Lost Ommelette Makers).