O campus prepara un cóctel de eventos para revolucionar a axenda científica, cultural e artística da cidade nos próximos anos
Por Redacción
O vicerreitorado do Campus de Pontevedra e o Consello Social da Universidade de Vigo deron a coñecer este xoves as liñas mestras dun proxecto de colaboración centrado nos ámbitos artísticos, culturais, científicos e ecolóxicos.
"A pandemia non nos vai parar á hora de facer campus e cidade", asegurou o vicerreitor, Jorge Soto, quen mostrou o seu férreo compromiso no cumprimento das restricións sen descartar facer uso de ferramentas virtuais cando a presencialidad non sexa posible.
Nas próximas semanas, o vicerreitorado fará pública a creación dun galardón que premiará os proxectos máis creativos e innovadores do alumnado. Ademais, darase visibilidade aos mellores traballos de fin de grao coa publicación dos mesmos na revista internacional CREA impulsada desde o campus. No plano científico, tamén está previsto deseñar un catálogo que recolla todas as investigacións que se realizan neste campus para facerllo chegar ás empresas.
No ámbito cultural, abril será un mes cargado de eventos relacionados coa ecoloxía, a sustentabilidade, os hábitos saudables ou a axenda 2030. Ademais, están previstos tamén eventos para fomentar o emprendemento e actos relacionados co lecer, como concursos de fotografía ou sesións de realidade virtual.
Con todo, un dos acontecementos máis transcendentes terá que ver coa facultade de Belas Artes. Sen querer desvelar nada, Soto anunciou que a sala de exposicións deste edificio pasará pronto a ter un novo estilo. "Será importante para a cidade e vai haber sorpresas", informou de maneira enigmática. Así mesmo, planean tamén organizar concertos musicais variados. "Írá do máis vangardista ata o máis clásico", dixo.
Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, sinalou que esta paquete de iniciativas marcará "un punto de inflexión no campus de Pontevedra por todos estes proxectos". Puntualizou ademais que a axenda non está pechada e que nos próximos anos irán emerxendo novas iniciativas que contribuirán a dar apoio ao alumnado, a conectar coa cidade e a estreitar a relación entre o ámbito universitario e empresarial.
Relacionadas:
-
Luz verde á creación en Pontevedra das novas facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública
Por Alejandro Espiño |
-
A música volve á programación cultural do campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Premian traballos sobre os estereotipos de xénero na publicidade, as mulleres do mar ou o movemento 'Me Too'
Por Redacción |
-
Proban con éxito un tratamento precoz para a incontinencia urinaria en pacientes sen próstata
Por Redacción |
-
Os Premios Sofía Novoa distinguen o compromiso coa perspectiva de xénero de catro universitarias
Por Redacción |
-
A Universidade e o Foro Empresa Pontevedra fortalecen os seus lazos de colaboración
Por Redacción |
-
Artistas formados na Facultade de Belas Artes falarán ‘Arredor do parado’ co alumnado
Por Redacción |