![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8a2/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6005764bf2-002-goya.jpg)
© Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra
Remata o espazo #aportapechada cun achegamento aos Gravados de Goya gardados no Museo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/448/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/60057619ac-001.jpg)
© Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f1b/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/60057679bc-003-museo.jpg)
© Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra
Francisco José de Goya, unha das referencias en pintura e gravado nos séculos XVIII e XIX, é o protagonista do último espazo #aportapechada do Museo de Pontevedra. Nesta ocasión, Diana Dúo Rámila, integrante do departamento de Educación analiza as obras que a institución pontevedresa garda do artista zaragozano.
Diana Dúo explica a importante bibliografía especializada que dispón sobre o artista o Museo pontevedrés, un dos mellores conxuntos de referencia sobre a súa obra. Pero sobre todo destaca a valiosa colección na que destacan os exemplares das primeiras edicións das catro series de Gravados: Caprichos, Os desastres da terra, Disparates e A Tauromaquia.
Estas edicións non se atopan en salas para visitas debido ás características especiais que presentan. Atópanse nunha sala de reserva de materiais específicos.
Goya foi un artista que dominou o gravado e mostraba a súa modernidade na arte gráfica desenvolvendo as súas reflexións e as preocupacións sobre a realidade que lle tocou vivir, segundo explica a integrante do departamento de Educación na súa explicación.
A primeira das series que se incorporou ao Museo foi 'Caprichos', pasando a formar parte da colección de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Esta obra converteuse nun punto culminante na vida de Goya pola enfermidade que contraía e que lle deixou xordo.
Esta circunstancia provocou un cambio na vida e obra do artista zaragozano cun cambio tanto formal, como conceptual e temático. As súas obras recollen as grandes transformacións da sociedade europea, a partir da crise do antigo réxime e o nacemento das ideas orixinarias da Revolución Francesa.
O exemplar de 'Caprichos', que figura no Museo de Pontevedra, conta cun valor excepcional foi un dos primeiros en ser realizado na edición Príncipe de 1799 baixo a supervisión do propio Goya. Pódese comprobar a calidade das estampas e caracterízase porque a estampa 45 atópase limpa do rañazo que sufriu despois o ferro de cobre co que se realizou a impresión desta edición. Ademais, é un dos tres exemplares que se conservan con comentarios indicativos manuscritos.
Todas as primeiras edicións dos Gravados de Goya poden verse en imaxes dixitalizadas se se visita a primeira planta do Edificio Castelao do Museo.