Luisa Piñeiro visita a mostra 'Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas'
Por Redacción
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, visitou este venres a exposición 'Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas' na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra.
A mostra, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade, quere poñer en valor a loita das precursoras galegas no ámbito da comunicación e o seu esforzo a prol da equidade laboral.
Está formada por unha serie de paneis que contan as vivencias, a biografía e as experiencias de doce reporteiras, escritoras, directoras e ata corresponsais de guerra como Sofía Casanova, Concha Castroviejo, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato Muruais, María Luz Morales, Mercedes Vieito Bouza, Pura Vázquez Iglesias, Concepción Arenal, Clara Corral Aller, Virginia Felicia Auber, María Vinyals e Avelina Valladares Núñez.
Na colección, que permanecerá aberta ata o próximo 31 de xaneiro, amósanse, de xeito visual e didáctico, diversos aspectos da súa traxectoria, que veu marcada, na práctica totalidade dos casos, polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.
Luisa Piñeiro explicou durante a visita, na que tamén estivo a directora da biblioteca, Alejandra Mosquera, que "se trata dunha gran iniciativa para toda a sociedade, pero especialmente para que a mocidade coñeza unha parte fundamental da nosa historia e dos inicios da loita pola igualdade. E tamén serve de recoñecemento a mulleres fundamentais na profesión xornalística galega, que contribuiron enormemente á modernización política, social e cultural empregando o valor da palabra a través dos seus escritos e da súa voz".