Haberá Concerto de Nadal da Banda de Música de Salcedo con capacidade limitada de público
Por Redacción
Chega o Nadal e non pode faltar a xa habitual cita coa Banda de Música de Salcedo, nesta ocasión co obxectivo de esquecer este complicado 2020. O Concerto de Nadal será o vindeiro mércores 23 de decembro no Auditorio do Pazo da Cultura cunha capacidade de público limitada debido ás restricións establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a expansión da pandemia.
O concerto organizado pola Asociación Músico Cultural San Martiño contémplase como unha felicitación festiva á cidadanía de Pontevedra coa intención de desar un feliz 2021. A Banda Xuvenil e a Banda de Música de Salcedo interpretarán algunhas das máis tradicionais obras do repertorio previsto para estas datas, con composicións clásicas e algunha novidade incorporada por Marcel Van Bree, director da Banda. Non faltará a popular Marcha Radetzky para concluír o concerto.
Só haberá 125 butacas dispoñibles e será necesario retirar unha invitación para poder asistir ao concerto. Para solicitar un espazo é necesario chamar ao teléfono 678.232.879 ou enviar un whatsapp facilitando nome e apelidos das persoas que asistirán á cita musical. Os solicitantes deberán esperar a confirmación da dispoñibilidade do asento, que se asignará persoalmente e non poderá ser transferido a un terceiro.