Así loce Pontevedra na webserie 'Doc Way' sobre o Camiño de Santiago portugués
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/cc6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5fd372875d-pontevedra-4.jpg)
© Quemasver
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/eeb/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5fd372abb2-pontevedra-1.jpg)
© Quemasver
A webserie 'Doc Way' é un documental que protagoniza a presentadora Cristina Maró para poñer en valor en redes sociais o Camiño portugués a Santiago de Compostela. A peregrina, que ten esclerose múltiple, realiza o percorrido de 120 quilómetros a pé que separan Tui da capital de Galicia.
Este traballo audiovisual ofrece tanto a variante costeira que empeza na Guarda, pasando por Oia, Nigrán, Vigo e Redondela; como a variante interior do roteiro Xacobeo. Ao longo da webserie obsérvanse imaxes aéreas, a través da gravación dun dron, da desembocadura do Miño, a Enseada de San Simón ou a costa do Baixo Miño.
A protagonista, coa súa mochila ás costas, percorre tamén o traxecto ao seu paso pola cidade de Pontevedra, cruzando a ponte do Burgo e algunhas das rúas máis características do centro histórico.
A rodaxe da webserie tivo que executarse en dúas fases debido ao parón provocado polo Estado de Alarma en marzo. Maró foi compartindo en redes sociais cos seus seguidores o que supoñía para ela realizar o Camiño, todo un reto de superación na súa carreira. O seguinte paso previsto é realizar o percorrido gravándoo desde O Porto cunha produtora do país veciño. En 2021, está previsto que realicen a Vía da Prata que percorre Ourense ata chegar a Santiago.
A serie pode verse desde a canle de Youtube de Quemasver e nas Redes Sociais de Doc Way en Facebook e Instagram.