Vilaboa convoca un concurso escolar de postais de Nadal
Por Redacción
O Concello de Vilaboa convoca este ano un Concurso de Postais de Nadal para o alumnado de Primaria, con catro categorías por idades.
O Concello utilizará o traballo gañador para felicitar as festas a toda a veciñanza.
A figura do Apalpador é o tema que deberá inspirar aos escolares de Vilaboa para plasmar a súa visión particular destas festas. O debuxo debe estar feito a man en calquera técnica pictórica.
Os premios aos gañadores en cada categoría serán entregados nun acto organizado polo Concello que contará coa presenza do Apalpador, que se desplazará ata Vilaboa para felicitar aos participantes nesta iniciativa e que, dependendo da súa axenda, prevese que sexa o día 29 de decembro.
A data límite de entrega dos traballos será o 21 de decembro, ben a través do correo electrónico info@vilaboa.org ou presencialmente nos centros educativos, na Casa de Cultura de Riomaior ou no propio Concello. En todos os casos, os traballos deberán incluir os datos personais do autor ou da autora.
O xurado valorará a creatividade, orixinalidade e interpretación do tema do concurso así como as habilidades gráficas dos escolares segundo a súa idade e os traballos presentados serán difundidos a través das redes sociais e da páxina web do Concello.