O 'mundo diferente' do artista José A. Rodimandez, a exposición na delegación da Xunta
Por Redacción
A sala de exposición do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolle dende este xoves 5 de setembro a mostra titulada "Un mundo diferente" do artista José A. Rodimandez. Nesta exposición o artista traslada ás paredes da sala de mostras o mundo creativo xurdido da súa obra Un libro diferente.
José Antonio Rodiño Fernández, "José A. Rodimandez", definiu a súa creación, na presentación desta exposición, como unha obra de xénero multidisciplinar que abarca dende a riqueza da propia mente ata calquera punto de vista xerado pola capacidade de vivir unha vida chea, converténdose en información de gran transcendencia en momentos de incerteza "como os actuais".
Deste xeito, o creador combina a creación literaria e a obra gráfica xa que, ademais dos textos apaisados que compoñen a mostra "nos que se desconfigurou a maquetación tradicional", nesta exposición pódese gozar tamén das láminas que formaron parte do propio libro. "En total, 12.554 palabras entrelazadas que transmiten unha configuración máxica da existencia, e coas que intento que o espectador poida ver con ollos distintos a realidade que nos rodea", explicou o propio artista.
"O resultado desta obra é un viaxe iniciático de autobúsqueda interior no que comparto as miñas experiencias vitais con tódolos que visiten a exposición a fin de conectar co verdadeiro arte de vivir", engadiu Rodiño Fernández.
A exposición de José A. Rodimandez permanecerá aberta na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra ata o próximo 26 de setembro en horario de 10 a 14 horas da mañá de luns a sábado.