Un cepo de áncora romana aparecido na ría de Pontevedra, protagonista de A Porta Pechada do Museo
Por Redacción
Continúan as sesións de #aportapechada para descubrir algunhas das pezas máis relevantes que se atopan nas instalacións do Museo de Pontevedra. Nesta ocasión, Paula Tilve, do departamento de Educación, é a encargada de explicar a historia e características dun cepo de áncora romana.
Esta peza arqueolóxica atópase na sala dedicada ao mundo romano no edificio Sarmiento. Segundo os especialistas, esta peza remóntase a un período situado entre os séculos I e III da nosa era. Foi atopada por José María Mosquera no ano 1985 no lugar de Punta Udra, no fondo da ría de Pontevedra.
Este cepo apareceu xunto a outro de similares proporcións, ambos pertencían a un barco de ao redor de 200 toneladas, ben dotado para a navegación oceánica. Segundo os expertos, o barco procedería da ría de Arousa en dirección ao sur cando empuxado pola forza do mar ou buscando refuxio naufragou na ría de Pontevedra.
O cepo tiña como misión principal que se afirmara de maneira segura a cana e os brazos da áncora no fondo mariño. Realizado en chumbo, conta cunha lonxitude de metro e medio.