O Museo de Pontevedra abre "O Universo de Xaime Quessada"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/8d8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5f6cab870d-apertura-quessada1.jpg)
© Deputación de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e75/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5f6cab9b3d-apertura-quessada3.jpg)
© Deputación de Pontevedra
O Museo de Pontevedra abriu este xoves a última das grandes exposicións temporais deste ano,'O Universo de Xaime Quessada', que se poderá visitar ata o próximo 10 de xaneiro de 2021.
O director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, agradeceu todas as facilidades achegadas pola compañeira vital de Quessada María Jesús Blanco, á Fundación Xaime Quesada Blanco e tamén a todas as institucións que colaboran cedendo obra e destacou a súa gratitude a Pilar Corredoira, comisaria da exposición, "por compartir con nós a súa experiencia e bo facer".
Rey subliñou que 'O universo de Xaime Quessada' é unha retrospectiva do artista ourensán, ao que rende unha homenaxe "cun atraínte e suxestivo percorrido, que atravesa a intensa actividade creativa desenvolta durante cinco décadas de prolífico traballo".
Fixo fincapé en que "é difícil entender a arte da segunda metade do século XX e comezos do XXI en Galicia sen considerar a obra de Quessada", xa que a súa produción artística 'toca' os diferentes movementos artísticos.
A exposición, lembrou o director, ven acompañada de visitas guiadas, obradoiros e faladoiros ou espazos de debate durante os vindeiros meses, ademáis incluirá un catálogo que quedará como un ben tanxible unha vez que a exposición se clausure.
Pola súa banda, a comisaria Pilar Corredoira destacou que a exposición contén as pezas máis significativas da traxectoria de Quessada, "deixando claro cales eran os seus intereses estéticos, ideolóxicos e humanos".
Quixo facer fincapé a comisaria na loita e posicionamento do autor contra a ditadura franquista –chegando a ser incluso xulgado polo Tribunal de Orde Público por inxurias ao ditador, segundo se recolle no libro Galicia en transición-, e a súa militancia no PCE e na UPG.
A mostra exhibe también "a súa paixón pola súa terra", a importancia que os seus pais tiveron na súa "concepción vital" ou a "sensibilidade" coa que tratou na súa obra grandes conflitos internacionais.
Na rolda de prensa de hoxe participou tamén o vicepresidente da Fundación Xaime Quesada Blanco, José Gómez Alén, e a cuñada de Quessada, Josefa Blanco, que desculpou a ausencia da viúva do artista, María Jesús Blanco, por problemas de saúde, asegurando no seu lugar a súa gratitude polo "entusiasmo" á hora de levar á practica a mostra.