Amplíase o prazo para ver a exposición Lúa Azul de Manolo Paz no Sexto Edificio do Museo
Por Redacción
A exposición Lúa azul do escultor Manolo Paz amplía a súa celebración ata o 5 de setembro. A data inicial para a clausura era o 25 de agosto e o éxito da mostra do artista cambadés provocou que se alongue no tempo. Ata o momento recibiu máis de 3.800 visitas.
Ao mesmo tempo, o Museo manterá as visitas comentadas durante os martes e os xoves ás 19:30 horas. Nestas actividades participaron ao redor de 100 persoas durante as xornadas que se realizaron ata agora.
Manolo Paz mostra ao público unha serie de traballos en granito azul de Bahía, así como outros realizados especificamente para esta mostra. O autor recorda vistas aéreas e tamén algún glaciar, o cosmos ou o mar a través da súa obra realizada en granito. Tamén poden verse representacións plásticas das bateas de mexillóns.
A exposición complétase cun libro retrospectivo no que se recollen as obras máis representativas da traxectoria do artista.