O baile tradicional convértese en protagonista este sábado en Vilagarcía
Por Redacción
A xornada festiva do sábado 24 de agosto ten como principal protagonista o baile tradicional grazas ao XVIII Encontro Folclórico Malveiras que se celebrará a partir das 22:00 horas na Praza da Peixería. Como sempre, a Agrupación Cultural de Carril invitou a participar no evento a destacadas formacións folclóricas de Galicia e Portugal.
O espectáculo está servido nesta nova edición do Encontro Folclórico Malveiras grazas ao colorido dos coidados e elaborados traxes rexionais, así como das pezas musicais de baile que interpretará cada agrupación e que son resultado dun traballo de investigación etnográfica que contribúe a recuperar e conservar a tradición e a cultura popular de cada zona.
Este ano colaboran Rancho Típico de San Mamede de Infesta (Portugal) e Brincadeira G.B e M.T. De Santiago de Compostela. Os anfitrións porán o broche de ouro ao festival actuando no último lugar.