Adrián Gómez, The Bay View, Sofá Ambulante, Rocka Rolla e Dr. Quack, concertos de verán no CC Arousa
Por Redacción
O Centro Comercial Arousa inaugurará este sábado Os concertos de verán, unha iniciativa que ten como obxectivo apoiar o talento e a carreira musical de grupos emerxentes de Vilagarcía e a súa contorna, ofrecéndolles a oportunidade de actuar en directo para darse a coñecer ao público. De carácter gratuito, terán lugar todos os sábados, do 17 de agosto ao 7 de setembro, a partir das 21:00 horas, na terraza da segunda planta.
O primeiro en subir ao escenario será Adrián F. Gómez, vocalista do grupo de rock urbano ¡Qué desilusión! -unha das bandas revelación de Pontevedra-, que abrirá o cartel o sábado 17 como artista invitado. Sorprenderá aos seus seguidores cun concerto en acústico e un repertorio diferente ao que os ten afeitos.
Trala súa actuación, será a quenda de The Bay View, un novo proxecto musical composto por Marcos Caeiro e Elías García, dous DJ's de 18 anos, afincados en Vilagarcía e fanáticos da tecnoloxía. Farán vibrar ao público asistente cunha sesión de música progressive e electro house na que se poderá gozar de temas como Reload, de Sebastian Ingrosso & Tommy Trash, Never say goodbay, de Hardwell ou de remixes como I need your love, de Calvin Harris.
O sábado 24 o protagonista será Sofá Ambulante, unha nova banda de indie- rock alternativo integrada por David Bueno (guitarra e voz), Gabriel Varela (guitarra e voz), Manuel Rodríguez (batería e percusión) e Juan Garrido (baixo e efectos), que combinarán temas propios -en inglés e castelán-, con versións de Blur, Muse, Oasis, Lori Meyer ou Quique González.
O rock máis puro chegará o sábado 31 da man de Rocka Rolla, un grupo con tan só un ano de andadura, pero cuxos integrantes contan xa con experiencia na música como parte doutras bandas ou orquestras. César Roio (voz), Sergio Rodríguez (guitarra), Iván González (batería) e Manuel Marán (baixo) renderán tributo na súa actuación a clásicos de Metallica, Guns N' Roses, AC/DC, Los Suaves ou Barón Rojo, entre outros.
Orixinario de Ribeira, o grupo Dr. Quack, integrado por Javier Regos (guitarra e voz), Brais Casas (batería), Gabriel Vilas (baixo) e Manuel Muíños (teclado e coros) será o encargado de pechar Os concertos de verán o sábado 7 de setembro. A súa música, de estilo indie, é un reflexo das experiencias vitais e da contorna que rodea aos seus compoñentes. Como broche de ouro, presentará algunhas das súas novas cancións -That night, Our world ou Skyscrapers- e versionará temas de The Killers, Franz Ferdinand ou Ray Charles.