Cambados convértese na 'capital da fotografía' co inicio do Festival Proxecta 2013
Por Redacción
O Festival Proxecta 2013 chega a Cambados e faino cargado de actividades. A sexta edición deste evento fotográfico, que se celebrará por primeira vez na vila tras cinco anos en Vilagarcía de Arousa, despregará a partir do sábado 17 de agosto unha importante actividade. Os seus organizadores pretenden impulsar a actividade cultural en Cambados "utilizando a fotografía coma linguaxe e medio universal de comunicación".
Todas as actividades que se desenvolven dentro deste Festival, serán "accesibles ás persoas que paseen polas distintas rúas da cidade". Así, o Proxecta 2013 comezará ás 13.00 horas coa inauguración da exposición fotográfica Premio fotojornalismo 2012 - Estação Imagem Mora, que reúne as mellores imaxes fotoxornalísticas feitas polos reporteiros de Portugal e Galicia. Poderase visitar no Pazo de Torrado durante todo un mes.
A outra gran exposición do Proxecta 2013 está relacionada coa Vuelta Ciclista a España. Está a cargo de Francis Tsang e inaugurarase o domingo 18 de agosto ás 12.00 horas. A mostra, titulada Paisajes desde el arcén, reflexa a dureza do ciclismo e poderase contemplar durante vinte días nas rúas Real e Príncipe. Xunta fotografías en grande formato do Tour e da Vuelta 2001 e 2002 e da Vuelta de 2012. O seu autor dará tamén unha conferencia no Auditorio Exposalnés o día anterior, ás 17.30 horas.
Ademais, a Praza de Asorey acollerá, a partir das 16.30 horas do sábado, o mercadiño Proxectado, unha actividade dirixida a fotógrafos profesionais e amantes da fotografía. Con el, buscan que os participantes divulguen, intercambien e vendan as súas imaxes, ideas ou libros. "Que se fale e discuta a fotografía, que se organice e divulguen as futuras exposicións e que haxa a posibilidade de intercambios, trocos e venda de fotos persoais e material fotográfico novo e de coleccionismo", destacan os organizadores do Festival.
As actividades do Festival Proxecta 2013 complétanse coas proxeccións de fotografías que se realizarán na Praza de Fefiñáns ás 22.30 horas do sábado. Trátase dunha sesión nocturna dunha hora de duración na que se proxectarán traballos de fotógrafos profesionais nacionais e internacionais. Con esta iniciativa, pretenden achegar o arte da fotografía a todos aqueles que non teñen o costume de frecuentar galerías e salas de arte, facendo da rúa unha gran sala de exposicións.