Pepe Solla e Manel Loureiro analizarán as consecuencias da pandemia nos Directos de Afundación
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A iniciativa 'Afundación en casa' posta en marcha pola Obra Social de Abanca durante a pandemia do coronavirus estrea este xoves unha nova proposta para dinamizar a actividade cultural a pesar das restricións derivadas da pandemia, unha serie de 'Diálogos con Pepe Solla' que se inaugurarán co escritor Manel Loureiro.
Trátase dun foro de encontro cultural no que o prestixioso cociñeiro galego, impulsor do grupo Nove e responsable do restaurante familiar con estrela Michelín Casa Solla, fundado en 1961, charlará con destacadas figuras do ámbito cultural e artístico galego sobre as distintas consecuencias da pandemia actual.
O primeiro encontro terá lugar este xoves 18 de xuño e poderá seguirse ás 19.30 horas a través dos Directos de Afundación-TV. O primeiro invitado será o escritor e avogado pontevedrés Manel Loureiro e, a través dunha charla en directo, analizarán a pandemia e as súas consecuencias.
A charla será de acceso libre e gratuíto, e todas as persoas rexistradas poderán interactuar cos protagonistas. A participación como público para este evento pode formalizarse nesta ligazón.