Dúas pezas da colección do Museo de Pontevedra van cara Italia para formar parte dunha exposición en Asís
Por Redacción
Un tímpano procedente do convento de San Francisco de Pontevedra e un óleo sobre lenzo coa representación da Virxe Peregrina, dúas pezas do Museo de Pontevedra, parten cara a Italia para formar parte dunha exposición que se vai desenvolver na localidade italiana de Asís o 22 de agosto.
A mostra, titulada Peregrino e novo apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago, está promovida pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo e forma parte dos actos de conmemoración do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco a Santiago de Compostela.
A peza do tímpano encontrábase exposta ao público nas primeira das salas do Sexto edificio do Museo e trátase dun tímpano dobre, decorado no anverso coa representación dun Calvario ao que se incorpora en actitude orante San Francisco e no reverso cunha figura da Virxe co Neno acompañado de anxos. Está realizado en granito e a decoración do anverso sitúase entre a terceira e a cuarta do século XIV mentres que o reverso foi reformulado a principios do século XVII.
En canto á pintura, trátase dunha obra anónima española que representa unha Virxe Peregrina, relacionable con círculo de Antonio Rafael Mengs. Estivo exposta na sala dedicada á Virxe Peregrina no Edificio Sarmiento e volverá exhibirse nesta sala cando se ultimen os traballos de reestruturación das coleccións do Museo.