O Faiado Memoria contribúe a un confinamento entretido con acceso libre a documentais
Por Redacción
O sector da cultura estase a envorcar estes días para facer chegar á cidadanía alternativas de lecer e formación que axude a levar mellor o confinamento e cumprir coa petición xeralizada das autoridades sanitarias de que a mellor maneira de frear o avance do coronavirus é quedar na casa. A asociación O Faiado da Memoria acaba de sumarse a estas iniciativas e á actividade diaria de subir fotografías á súa páxina (www.ofaiadodamemoria.org) decidiron sumar un novo xesto: o acceso libre a unha serie de materiais audiovisuais a través da súa canle de Youtube.
No marco desta campaña, a primeira peza que decidiron liberar foi a cuarta historia do documental 'Desde dentro do corazón', que leva por título 'A derrota do cabo Razo'. Relata a historia tráxica ocurrida entre o catro e cinco de agosto de 1958 na ría de Arousa e pode verse nesta ligazón.
Esta fin de semana sumaron ao seu catálogo de documentais de acceso libre 'Arde Madrid', un traballo que nos relata a vida dos rapaces e rapazas que estaban confinados nunha cidade sitiada durante a Guerra Civil e que pasaban o seu día a día xogando e vivindo unha guerra que acabou sendo parte da súa vida.
O documental, de 57 minutos de duración, recolle os relatos de Eduardo Haro Tecglen, Concha Carretero, Vicente Ibáñez, Manuel Sánchez, Carmen Ortiz, Maruja Borrel, Martín Blanco, Felisa Trampal, Carlos Sánchez, Nieves Torres, Cristobal Yagüe, Jesusa Martín e Julia Redondo. Pode verse nesta ligazón.
A este catálogo súmase outro documental que xa se liberara o pasado 1 de xaneiro, pouco máis dun mes despois da súa estrea, 'Resonancias do pasado'. Trátase dunha compilación de cintas domésticas do arquivo da asociación que teñen como base sonora os comentarios de varios veciños e veciñas de Vilagarcía. Poe consultarse nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Un documental contará a historia e tradición da Ría de Pontevedra a través do Colón galego
Por Redacción |
-
SonRías Baixas reconverte as súas festas de presentación en concertos nas redes sociais
Por Alejandro Espiño |
-
Artistas de Pontevedra únense nun festival de música a través de Instagram
Por Alejandro Espiño |
-
Contos virtuais para entreter os máis pequenos durante a corentena
Por Alejandro Espiño |
-
'Baile de historias', a escuridade persegue os protagonistas desta nova historia gráfica de José Malvárez
Por José Malvárez Carleos | Creada e actualizada
-
Músicos galegos ofrecerán concertos por streaming para amenizar a corentena polo coronavirus
Por Alejandro Espiño |