Meaño, premio no certame mundial de bandas de Kerkrade (Holanda)
Por Redacción
A Banda Unión Musical de Meaño, acaba de conseguir o primeiro premio "World Music Contest de Kerkrade", considerado un auténtico mundial de bandas de música e que reúne cada catro anos a unha selección de 200 bandas de todo o mundo.
Competiu en primeira división xunto con 19 formacións de distintas nacionalidades e obtivo tras a súa actuación unha puntuación de 96,25 sobre 100. En segundo lugar a Old Harmony Eijsden do Países Baixos, con 95,75 puntos, e en terceiro lugar Harmonieorkest de Volksgalm de Belgica con 94,75.
A Banda Unión Musical de Meaño convértese así na primeira banda galega en conseguir este posto de tan prestixioso mundial. A devandita banda, encabezado pola directiva e os 92 compoñentes desta agrupación, partiu cara a terras holandesas o pasado martes 23 de xullo, cargados de ilusión, pero feitos un mangado de nervios debido á gran responsabilidade que supoñía para estes músicos participar nunha competición bandística de tan alto nivel.
Este domingo foi o gran día, ás 09:30 era a súa quenda para demostrar o seu bo facer musical no Certame Mundial de Bandas na cidade de Kerkrade en Holanda.
Así foi, todos os músicos deron o mellor de si, a pesar de que cuentan cun número elevado de menores, fronte a outras bandas onde os compoñentes, a maioría son profesionais.
Esta agrupación tamén se solidarizou coas vítimas e familiares do accidente ferroviario de Santiago de Compostela. Antes de iniciar a súa actuación, gardaron un minuto de silencio, e dedicaron integramente este concerto en honor a todas as vítimas e familiares do devandito accidente. Ademais como sinal de respecto e mostra de apoio moral, cada músico porto un lazo negro, e mesmo se expuxeron as bandeiras de España e Galicia, cada unha con senllos crespóns negros, como símbolo de loito nacional.
Está previsto que regresen a Meaño o próximo martes día 30 de xullo, a última hora da noite onde esperan recibilos con toda a alegría e o cariño que merecen.