Aquilo de 'entre Pinto e Valdemoro' queda curto no caso do protagonista da Playlist, xa que actualmente a súa realidade sería entre Pinto e Pontevedra. Valentín Coronel Martínez é do sur de Madrid e xa durante a conversación advirte da posibilidade de que se lle escape un "ejjjjqueee".
A súa presenza en medios de comunicación veu dada polos dous títulos que publicou para a colección A túa Opinión Diverxente: 'El oso polar que se fue a la playa' y 'Geografía bajo el ombligo'. O primeiro sobre ecoloxía e o segundo sobre sexualidade. Ambos relatados de forma entretida e didáctica, de formato innovador e dirixidos a un público adolescente, pero sen restricións para o público adulto.
O que non conseguiu achegarlle o colexio déronllo as súas afeccións. Afección pola literatura, polo cinema e tamén polas copas das árbores. Unha infancia de cheiro a cacao xa que vivía xunto a unha fábrica de chocolate; de cheiro a papel impreso grazas ás súas constantes visitas á biblioteca; a cinema de barrio no que viu películas de todo tipo. Ah! e a parcela abandonada onde atopou o sitio do seu recreo desde as copas das árbores.
O seu primeiro traballo foi sen chegar á maioría de idade, compaxinando estudos. Lembra en PontevedraViva Radio que conserva o diploma que outorgaba a ONU pola súa participación na Operación Esperanza para traer a refuxiados bosníacos durante a guerra en Iugoslavia. Di que esa experiencia e os compañeiros que fixo foi o único positivo do seu paso polo Exército.
Pero, e por que motivo este madrileño vive xunto ao Atlántico? O motivo ten nome de muller. Coñeceu a " Vero" en Barcelona, ata onde fosie levado precisamente polo corazón. E coa galega de Chantada deixou o leste para vivir no oeste. Agora compaxina charlas, cursos de márketing e libros Diverxentes e de ficción, pero como diría Michael Ende "esa é unha historia para ser contada noutra ocasión".