Pontevedra acollerá un "gran evento cultural" como "antesala" do Xacobeo 2021
Por Alejandro Espiño
Facer "partícipe" a toda Galicia do próximo Ano Santo e que a súa celebración chegue ás principais áreas urbanas do país. É o obxectivo do programa 'Xacobeo cidades' que deseña a Xunta de Galicia como "antesala" do Xacobeo 2021 e que reservou a Pontevedra, como capital do Camiño Portugués, un papel protagonista.
Pontevedra acollerá, aínda nunha data sen determinar, un "gran evento cultural", segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que se reuniu este mércores co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para avanzar no deseño desta programación.
Para este evento, que previsiblemente será un concerto dun grupo internacional de renome, o goberno galego fará un "chamamento ao mercado", segundo Rodríguez, de forma que os promotores ofrezan os espectáculos que consideren oportunos.
A Xunta confía en ter pechada esta programación "en mes e medio ou dous meses" e reiterou en que as eleccións galegas previstas para o 5 de abril "non alterarán este calendario" e que, pase o que pase nas urnas, "non se vai a suspender nada".
Este gran evento cultural servirá para que, ao redor do mesmo, o programa 'Xacobeo cidades' deseñe outro plan cultural para potenciar a produción cultural local, apostando por espectáculos de artes escénicas con artistas " emerxentes ou tradicionais".
Será, en todo caso, unha oferta cultural "para todos os públicos", que combinará espectáculos de pago e gratuítos, e que, engadiu Fernández Lores, "irá do máis popular ao máis cool pero cun certo equilibrio". Para todo iso, o Concello poñerá a disposición os espazos públicos e equipamentos culturais que demanden os promotores.
Con esta programación, engadiu o conselleiro de Cultura, a Xunta de Galicia quere "quentar motores" para un Xacobeo que "se adapte á sociedade actual" e na que colaboren todos os axentes sociais e culturais das respectivas cidades "con independencia de que por elas pase ou non o Camiño".
O alcalde de Pontevedra sinalou que "todos temos esperanzas" no Xacobeo 2021, ano no que a Boa Vila, destacou, "quere estar presente" en todas as súas actividades porque confía en que sexa "un antes e un despois" para toda Galicia.