A curtametraxe de ficción "O Xeneral" estréase en Marín en pantalla grande
Por Redacción
"O vello Xeneral sae co seu cabalo todos os días polos camiños de Galicia en busca de aventuras. Co seu sabre, as súas medallas e o seu chapeu de plumas, sempre está disposto a axudar aos demais. Pero neste mundo moderno, non todos entenden o seu labor na vida".
Esta é a sinopse da nova curtametraxe do xornalista e realizador marinense, Carlos Prado Pampín. Unha obra de ficción de 5 minutos de duración, filmada e estreada o pasado mes de outubro no concello coruñés de Vedra. Agora, esta curtametraxe, candidato aos Premios Mestre Mateo 2019, poderase gozar na gran pantalla, neste caso, a do Cine Seixo de Marín.
A curtametraxe estrearase ás 20 e ás 22 horas deste sábado e domingo. Será xusto antes da película programada para esta fin de semana no cinema, "Os Miserables", a longametraxe francesa candidato aos Premios Óscar a mellor película estranxeira. Por tanto, o público que acuda ao cinema Seixo esta fin de semana poderá ver dúas obras por só 4 euros, a curtametraxe de Carlos Pampín e a película francesa.
"O Xeneral" foi rodada en dous días en Vedra no marco do concurso audiovisual "A fume de carozo". Os participantes tiñan 48 horas para escribir, rodar, montar e estrear unha curtametraxe. O traballo de Carlos Prado Pampín foi a obra gañadora. "O Xeneral" tamén foi seleccionado na "XIX Mostra do Ateneo Ferrolán", unha das mostras audiovisuais máis antigas e representativas de Galicia. Agora, esta curta de 5 minutos está rexistrado para participar na nova edición dos Premios Mestre Mateo 2019 na categoría de ficción.
Carlos Prado Pampín é xornalista e realizador audiovisual. "O Xeneral" é a súa nova obra de ficción despois do éxito dos seus anteriores curtos como "Vellas", a historia de amor de dúas mulleres da terceira idade nunha aldea galega, finalista nos Mestre Mateo 2008, en Curtocircuito e no Festival de Cans do Porriño; ou "A man ou a máquina", unha charla entre dúas señoras sobre as novas tecnoloxías, mentres lavan a man a roupa nun pozo.
Actualmente Carlos Pampín está inmerso na rodaxe do documental "Devolvendo o golpe", no que conta a historia de superación do boxeador de Marín, Aarón González The Thunder, campión de España de boxeo que se recuperou dun gravísimo atropelo cando tiña 10 anos e esperaba ao autobús escolar.