Dous artistas da papiroflexia estrean as exposicións de 2020 no Museo Manuel Torres
Por Redacción
O Museo Manuel Torres de Marín abrirá a programación expositiva do 2020 este sábado 4 de xaneiro coa mostra conxunta de Candepapel e Kosmosystem, dous artistas da papiroflexia que conseguen crear obras moi chamativas e cun enorme traballo e talento detrás.
Kosmosystem dedícase á creación de esculturas de papel en 3D, mentres que o traballo de Candepapel, máis pequeno, ten que ver ca elaboración de pezas de cartulina cortada con bisturí.
As súas obras poderán verse durante varias semanas no museo, no que tamén organizarán un obradoiro de origami de iniciación, pensado para o público xuvenil. Será o sábado 11 de xaneiro, ás 12.00 horas, e contará con doce prazas para rapaces de entre 8 e 12 anos de idade.
No caso de que quixera asistir algún menor de esa franxa, deberá estar acompañado dun adulto. Para apuntarse, os interesados poden acudir ao museo para reservar a súa praza.