Instalan o ascensor no Museo Manuel Torres e prepáranse melloras no estadio de San Pedro
Por Redacción
Este luns iniciábanse os traballos de instalación dun ascensor no Museo Manuel Torres de Marín que permitirá o acceso a todas as persoas ao edificio. Os traballos iniciáronse na fachada lateral, baixo o control arqueolóxico do técnico Juan Carlos Castro, da empresa Anta de Moura.
Este proxecto iniciouse a finais de 2016 cando o goberno local decidiu realizar a instalación polo exterior do edificio, ao ser inviable pola parte interior. Patrimonio accedeu a conceder a autorización a esta obra pero coa obriga de que se efectuase un control arqueolóxico ante a posibilidade de que se atopen restos.
Este proxecto conta co consenso veciñal e co voto favorable de todas as agrupacións da corporación municipal. A obra ten un custo global de máis de 42.000 euros e conta cunha subvención de Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
PLAN DE MOBILIDADE SUSTENTABLE
A concellería de Medio Ambiente e Benestar Social ten previsto levar a cabo un plan de mobilidade que defina o espazo público para a circulación con seguridade das bicicletas; a mellora da luminosidade en determinadas zonas da vila e a eliminación das barreiras arquitectónicas en edificios da administración pública, como está a suceder xa no Museo Manuel Torres. O goberno local ten previsto acometer traballos na mesma liña no edificio do Concello de Marín.
OBRAS NO ESTADIO DE SAN PEDRO
O goberno de Marín da alcaldesa María Ramallo tamén contratou a construción dun novo almacén no estadio municipal de San Pedro.
O importe para este traballo achégase aos 18.000 euros e inclúese no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e servizos de competencia municipal do Plan Concellos 2017, da Deputación de Pontevedra.
No estadio tamén se reformará a instalación de produción de auga quente sanitaria da sala de caldeiras, tamén financiada pola Deputación. A obra adxudicouse por un importe de máis de 13.800 euros.
Ambas as dúas obras iniciaranse ao longo deste mes.