Peter Punk chega a Marín e Bueu para achegar o galego á mocidade durante as festas estivais
Por Redacción
Ampliar a presenza da lingua galega nas festas locais e dinamizar o seu uso entre a veciñanza máis nova. ÿ o obxectivo do espectáculo Peter Punk que a próxima fin de semana chegará aos municipios de Marín e Bueu. Forma parte das actividades de promoción social do galego da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), organismo integrado na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Nesta iniciativa, incluída na programación anual da RDL para este ano, o pallaso Peter Punk sorprenderá aos asistentes cunha proposta de teatro e circo de rúa centrada no humor máis retranqueiro. Coa proposta quérese presentar o idioma propio de Galicia como parte fundamental e imprescindible da vida cotiá, sempre dende unha visión positiva, divertida e ligada co tempo de lecer.
Durante os 60 minutos de espectáculo ao aire libre, as gargalladas do público mesturaranse coa expectación dos difíciles xogos malabares que o protagonista realizará en directo. Peter Punk sacará da maleta bólas, mazas, aros e ata fachos de lume, cos que executará todo tipo de exercicios que semellan imposibles. Tamén realizará figuras de globoflexia en tempo record e sorprenderá cun final inesquecible.
Integrada nos carteis festivos locais, a actividade permite ampliar a oferta de lecer en galego nun marco proclive ao divertimento e de grande arraigo en Galicia. O espectáculo, destinado maioritariamente ao público xuvenil, pretende achegarlle a lingua galega dun xeito divertido, presentándoa a través dunha actividade moderna e sorprendente que favorece a creación de espazos de uso e socialización en galego.
O pase de Peter Punk en Marín terá lugar o mércores 17 de xullo á altura do palco da música da Alameda Municipal, ás 18:00 horas. O de Bueu será o mesmo día ás 21:00 horas, na Praza de Massó. Este espectáculo, que recorrerá preto de 40 concellos galegos durante este verán, poderase ver tamén na Praza do Corgo de O Grove (26 de xullo, ás 21.00 horas) e na Praza da Liberdade de Vilagarcía de Arousa (27 de xullo, ás 20.30 horas).
Ata finais de setembro, o espectáculo de novo circo completará un intenso itinerario que o levará por 36 entidades locais da RDL. Toda a información e o calendario completo da xira están dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/peter_punk.