Pilar Eyre presentará en Pontevedra a súa última novela, "Un perfecto caballero"
Por Redacción
Ata xaneiro de 1939, cando as tropas de Franco entraron triunfantes en Barcelona. É onde nos traslada a xornalista Pilar Eyre na súa nova novela, Un perfecto caballero, que presentará este xoves 14 de novembro, ás 19.30 horas, na Librería Cronopios.
Eyre regresa así a Pontevedra catro anos despois, xa que en 2015 presentara na cidade Mi color favorito es verte, novela que a fixo finalista do Premio Planeta de 2014.
En Un perfecto caballero, o protagonista é Mauricio Casasnovas, guapo como un artista de cinema, que chega á cidade condal xunto ao exército franquista.
É o herdeiro dunha empresa téxtil, ao que espera unha muller sumisa e un futuro dourado de noites no Liceo, os mellores xastres e fulanas de luxo.
Pero a brutalidade da guerra abriu unha greta no seu corazón que non deixa de agrandarse. Mauricio, a pesar de estar casado, coñece por primeira vez o amor e a paixón cunha obreira da súa fábrica, cuxo marido está encarcerado. Atormentado ao non poder posuír a esta muller por completo, cometerá un feito terrible cuxa culpa perseguirao para sempre.
Pilar Eyre, unha das xornalistas de crónica social máis coñecidas de España, exerceu o xornalismo como columnista, entrevistadora e reporteira en diversos xornais e revistas e colaborou tamén en varias emisoras de radio e televisión.
É autora de numerosos libros, entre eles Dos Borbones en la corte de Franco, Secretos y mentiras de la Familia Real, Ricas, famosas y abandonadas, Vips: Todos los secretos de los famosos, Mujeres, veinte años después, Cibersexo, La reina de la casa y Franco confidencial.
Tamén é autora das novelas Todo empezó en el Marbella Club e Callejón del olvido, e da biografía Quico Sabaté, el último guerrillero. Os seus relatos históricos Ena, Pasión imperial, María la Brava e, sobre todo, La soledad de la reina convertérona en todo un fenómeno editorial.
En 2014 resultou finalista do Premio Planeta coa súa novela Mi color favorito es verte, que tivo unha gran acollida dos lectores, do mesmo xeito que a súa continuación: Nomeolvides. En 2018 Pilar Eyre publicou Carmen la rebelde, unha novela sobre a bela historia de amor que mantiveron o rei Alfonso XIII e a actriz Carmen Ruiz Moragas.