O monólogo "Marx no Soho", polo actor galego Pepe Sendón, no Centro Social Revira
Por Redacción
O Centro Social Revira de Pontevedra acollerá o vindeiro venres 12 de xullo, ás 22.00 horas, a representación da obra internacional Marx no Soho, un monólogo teatral que será levado a cabo polo actor galego Pepe Sendón.
A obra, creada polo escritor e historiador Howard Zinn, céntrase na estadía de Marx no Soho londinense, onde chega coa súa familia tras ser expulsado de media Europa. Vive nun mísero apartamento que aluga cun nome falso e non sempre pode pagalo. Pero a loita diaria pola supervivencia non lle impide emprender, nun esforzo caótico e febril, a redacción da obra da súa vida: O Capital, unha análise crítica e científica da economía capitalista.
A peza, dunha hora de duración, comeza cando despois de moito protestar, un comité de ultratumba permítelle a Karl Marx volver ao mundo dos vivos durante unha hora. Un erro burocrático provoca que o seu espírito apareza en Santiago, materializándose nun anónimo transeunte. Marx volve para limpar o seu nome e deixar as cousas claras.
Vén disposto a falar das súas ideas e de como foron mal interpretadas e da súa vida: persecución e desterro, penurias no Soho, traxedias familiares, libros, erros, debates sobre o que foi o comunismo, o que non foi e o que ha de ser. Moitas cousas que contar e pouco tempo para falar. Tempo abondo, iso si, para descubrir que entre a actual crise e os días que Marx viviu, a humanidade non cambiou tanto.
A entrada para poder asistir á representación de Mark no Soho custa cinco euros, tan só tres para socios do Centro Social Revira.