As Matinés do Principal pecha a súa terceira edición con McEnroe
Por Redacción
O Teatro Principal de Pontevedra prepárase para pechar a terceira edición do ciclo As Matinés do Principal.
Os encargados de facelo serán McEnroe, grupo musical vasco que pasa por ser unha das referencias do panorama indie nacional.
Formada no ano 2002, a banda chega a Pontevedra co seu sexto album debaixo do brazo, titulado 'La distancia', un disco no que tratan de explicar a distancia física que separa ou separou no seu momento aos integrantes do quinteto, que estivo cinco anos sen publicar un novo traballo centrándose noutros proxectos.
O último concerto do ano nas Matinés do Principal, que aposta por vivir a música dunha maneira diferente e nun horario pouco habitual pensando no público familiar, terá lugar o vindeiro sábado 19 de outubro a partir das 12:30 horas.
Como en cada unha das citas deste ciclo, a programación complétase cunha serie de actividades paralelas en varios locais de hostalería da cidade.