"Luna Azul", a primeira mostra en Galicia do escultor Manolo Paz, no Museo de Pontevedra ata o 25 de agosto
Por Redacción
O Museo de Pontevedra inaugurará este venres 5 de xullo unha ampla exposición individual do artista Manolo Paz. Luna Azul amosa unha vintena das súas obras pero non só se trata dunha retrospectiva xa que tamén contén obras actuais en granito azul de Bahía e obras realizadas ex profeso para esta mostra no Sexto Edificio, que constitúe a primeira que Manolo Paz realiza nun Museo en Galicia.
Na presentación da exposición, que se poderá visitar ata o 25 de agosto, Manolo Paz cualificou como un "reto" o feito de ter que adaptar as súas obras ós espazos expositivos do Museo e que a súa intención foi facer unha "gran exposición" ao mesmo nivel que calquera outra que se fixera en Nova York ou Europa.
O comisario da exposición, David Barro, puxo tamén de relevo a dificultade loxística que supón facer unha exposición de escultura en interior pola dimensión e o peso das pezas. Non obstante, salientou como singularidade importante o feito de que a simbiose entre o Museo e a obra nova creada polo escultor para amosar en Luna Azul, supuxo un cambio de modelo e "un punto de inflexión na carreira de Paz".
Na súa exposición, Barro comparou a obra de Manolo Paz coa do escultor suízo Alberto Giacometti que proclamaba a máxima de construír eliminando. Neste sentido, Manolo Paz, dixo Barro, "constrúe dialogando, xa que a propia pedra marca o seu lugar fala sobre o seu destino".
Pola súa banda, o titular da Deputación aseverou que dentro da traxectoria expositiva do Museo para reivindicar a cultura da provincia e de Galicia, "presentamos agora esta mostra dun autor que trascendeu as fronteiras para ser recoñecido a nivel internacional, e qué mellor sitio para facelo que no Sexto edificio".
TEMATICA DE LUNA AZUL
O título da mostra Luna Azul alude a que, cada tres anos, a natureza fai coincidir dúas lúas cheas nun mesmo mes, fenómeno que se coñece con ese nome. As pedras son parte da natureza que, nesta exposición, é o fío condutor da mesma: dende as cordas das bateas que reciben ao visitante, configurando unha paisaxe mariña, ata sucesos que a perturban (como o Prestige) ou o descubrimento da pedra azulada procedente de San Salvador de Bahía (Brasil).
Algunhas obras nos recordan a vistas aéreas, a circularidade do cosmos, ou a un glaciar. Así mesmo, o mar sempre está presente. Pódese dicir que a mostra é unha metáfora de paisaxes diversos que se completa con obras moi representativas da súa traxectoria que se poden disfrutar no exterior del Museo.
Manolo Paz (Cambados, Pontevedra, 1957) é un dos principais representantes da escultura española dende principios dos 80, momento no que comeza a traballar en granito. Destacou dende entón en colectivas paradigmáticas como a realizada en 1984 no Museo do Pobo Galego, Imaxes dos 80 desde Galicia -donde participaban artistas como Basquiat o Warhol-, así como a súa presenza na galería de Fernando Vijande. A finais dos oitenta, dará o salto á escultura pública, monumental, de grandes dimensións, avanzando cara a representación xeométrica que combina maxistralmente co ancestral, co primitivo, coa súa terra do Salnés.