A aportación da zanfona na música galega, a debate na Casa das Campás
Por Redacción
A zanfona na música galega é o lema da I Xornada sobre música tradicional que se celebrará este venres 5 de xullo a partir das 19:00 horas na Casa das Campás. Está organizada pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), que no seu labor a prol da investigación e da divulgación dos diferentes aspectos antropolóxicos da cultura galega, pretende dar a coñecer o que posiblemente sexa un dos máis ricos e variados folclores de toda Europa.
O músico Benito Salgado abrirá a xornada cun concerto de zanfona, no que interpretará os temas O cantar do arrieiro e Historias do Cebreiro. O primeiro relatorio, a cargo de Félix Castro e Castor Castro, titularase Santalices, a zanfona, novos achádegos, no que ambos expertos van reflexionar sobre a achega deste musicólogo, lutier e intérprete ourensán.
Seguiralles David Iglesias, coa interpretación das pezas O cego andante e San Fins de Castro. A segunda charla, a cargo de Pablo Quintana, tratará sobre A zanfona e os cantos de cego na música popular. Tamén actuará Xandre Outeiro, cunha composición do repertorio sefardí titulada Arvolico de jazmin e a Muiñeira CF53, de Aires da Terra.
César Loureiro impartirá o último relatorio, sobre o Proceso de construcción dunha zanfona, selección de materiais e innovacións. O propio César Loureiro, xunto con Carmen Gallego, protagonizarán a actuación final, cunha serie de pezas de orixe galega, francesa e sueca.
Na organización desta I Xornada sobre música tradicional colaboran o Concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o Arquivo Castro Vicente.