"Surrealismo místico", unha exposición sobre a meditación e o simbolismo arcano, en Portal 48
Por Redacción
Alex Ojea (A Coruña) e Adataberna (Pontevedra) presentan as súas obras nunha exposición colectiva baseada nos albores da introspección meditativa e a visión dos invisibles lazos do simbolismo arcano. Poderase visitar desde este xoves 4 de xullo ás 20.00 horas, en Portal 48, o espazo de creación artística situado na rúa Laranxo de Pontevedra.
Estes dous novos artistas e psiconautas, profundan a través do seu traballo na articulación dos estímulos meta humanos que provocan a cohesión de cada unha das individualidades do espírito, nun éter universal. Unha proposta artística que suscita unha viaxe de ida e volta do microcosmos ao macrocosmos, pero coa mochila repleta de experiencia adquirida.
Na exposición colectiva Surrealismo Místico, o espectador atoparase ante pezas froito da fantasía surreal do auténtico eu, o que habita no desconcertante ego. Tratando de atopar un nexo común coas emanacións do que estea disposto a ver máis aló do muro.
A inauguración desta exposición dá comezo a través dun ritual, na cal un debe pararse a reflexionar, abstraerse totalmente e deixarse seducir polas conexións que nos unen baixo este manto cosmológico, co fin último de avivar o terceiro ollo de Ajna. Para posibilitar a ensoñación, a sobriedade cubrirá o local expositivo, con incienso e música atmosférica para facilitar o acceso a outras esferas de entendemento.
Unha proposta de achegamento ao seu traballo que os artistas tratarán de canalizar, nun vínculo silencioso e intanxible, que faga aos espectadores máis conscientes da nosa divinidade como seres humanos.
A exposición poderase visitar ata o 4 de agosto.