Pontevedra, parada da xira 85 aniversario do pioneiro do blues John Mayall
Por Redacción
Aos seus 85 anos, o británico John Mayall é toda unha lenda viva da música blues e lonxe de retirarse segue dando guerra sobre os escenarios. Emprendeu unha nova xira para celebrar o seu aniversario e unha destas paradas será en Pontevedra.
Mayall actuará no auditorio de Afundación o próximo 5 de outubro ás 20.30 horas e as entradas van camiño de esgotarse.
Hai apenas sete meses, este pioneiro do blues, que recibiu o alcume do 'padriño do blues británico', editou o seu último disco de estudo. Trátase dun traballo titulado Nobody Told Me e que presentará en directo en Pontevedra xunto aos seus grandes éxitos.
O álbum inclúe unha extensa lista de guitarristas invitados, todos favoritos de Mayall, como Todd Rundgren, Little Steven Van Zandt de The E Street Band, Alex Lifeson de Rush, Larry McCray ou Carolyn Wonderland, quen se uniu á banda na xira.
A xira tamén conta con Greg Rzab ao baixo e Jay Davenport, con Billy Watts (Lucinda Williams) á guitarra e a habitual sección de metais de Mayall, que participa habitualmente no Late Show de Conan O' Brien.
O artista, que asegura manterse en "plena vitalidade", continúa así co seu calendario repleto de espectáculos en directo por todo o mundo. Será a segunda vez que veña a Pontevedra pero a primeira que actúe. O seu anterior concerto, en 1983, non se celebrou por motivos de seguridade.