Itineranta remata a lume
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A última xornada de Itineranta comezou este venres coa compañía catalana "La Baldufa" que sacou ás rúas pontevedresas o seu "Zeppelin" levando á xente a unha viaxe ao mundo dos soños e da imaxinación.
Monsieur Bocamoll, Marcello, o inventor mecánico, e Ursus, o valente piloto acróbata, lembraron a era dos pioneiros aéreos de principios do século XX. Nada os botaba atrás, nin as tempestades nin as avarías impediron a súa aventura. Coa axuda do público superaron todos os obstáculos posibles.
Logo chegaron os colombianos "Palo que sea", coa súa proposta de rúa "Rompe Candela" un divertido desfile de entroido no que participaron: Malyluz (unha avestruz de dous metros de palafitas), Grajón (un paxaro negro con pinzas de metro e medio), Putaxas e Aborto (dúas máscaras xigantes), demos con lume, pirotecnia e músicos.
As chispas saltaron logo ao ritmo dos sons electrónicos máis vanguardistas, do "Ragnarok" de "Kull de Sac". Coreografías de lume, efectos pirotécnicos, danza sobre palafitas e moito ritmo converteron este desfile nun verdadeiro espectáculo itinerante.
A noite foi para os bilbaínos "Deabru Beltzak" coa posta en escena de "Symfeuny". O choque dos tambores produce chispas, un gran remuíño de cores, ritmos, luz e lume. Un espectáculo sorprendente, que incentivou os encontros e a interacción co público.
Despois dunha aparición espectacular, os percusionistas foron polas rúas ao encontro dos espectadores e fixeron que os seus tambores vibrasen preto deles. Logo na Ferrería deron un concerto que evocou o impacto da percusión e do lume.
Relacionadas:
-
Criaturas fascinantes, Frankenstein e futurismo toman as rúas de Pontevedra con Itineranta
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os pontevedreses volven deixarse levar por Itineranta: xa está aquí a décima edición!
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Cara a cara: Move o esqueleto con Itineranta
Por Marisa Ciordia |