O artigo 'Terra Rota', de Inma López Silva, gaña o premio Francisco Fernández del Riego
Por Manu Otero
Os premios de xornalismo Francisco Fernández del Riego e Julio Camba xa teñen gañadores. O xurado reuniuse esta mañá na sede de Afundación en Pontevedra para analizar os artigos presentados e distinguir aos mellores.
A escritora e profesora da Universidade de Santiago, Inma López Silva, é a nova gañadora do galardón Francisco Fernández del Riego, que premia aos mellores articulistas en lingua galega por 'Terra rota', unha columna publicada en La Voz de Galicia en abril do 2018.
A novidade deste ano presentouse no Julio Camba, que este ano celebra o seu corenta aniversario, polo que o xurado seleccionou a tres finalistas, entre os que se elixirá, nunha gala no outono, ao gañador desta edición especial.
Marta García Aller, por 'Cuéntalo' publicado en El Independente; 'En manos de Dios', de Cristina Sánchez Andrade publicado en La Voz de Galicia; e 'De repente, un runner', publicado en El Progreso por Manuel de Lorenzo; son os tres finalistas.
Antes de anunciar o nome dos triunfadores, o secretario do xurado, Carlos Valle, explicou que o número de participantes no certame mantense nos mesmos niveis que nas últimas edicións, arredor dunha veintena de traballos. Con todo, o número de mulleres que optaron ao premio Julio Camba caeu nun 11%, mentres que no Fernández del Riego, subiu un 36%.
Neste sentido, o presidente do xurado, Alfredo Conde, lamentou a baixa participación. "É triste que a un premio como este só se presénten vinte artigos. Sobre todo polo número de xornais que temos, que están cheos de columnistas", declarou Conde.
'Terra Rota', o artigo que cautivou ao xurado do Fernández del Riego, é unha crítica ás informacións que enchen as páxinas dos xornais, que sempre viran ao redor dos mesmos protagonistas. Mentres que sucesos como a greta que está a dividir en continente africano en dous e que motiva o título da columna, pasan moitas veces desapercibidas.
Ao tratarse dunha edición especial, corenta anos de historia, a dirección do premio Julio Camba decidiu este ano variar a rutina dos últimos anos. En lugar de designar xa ao gañador, decidiron seleccionar aos tres mellores articulistas participantes para elixir o gañador despois do verán nunha cerimonia solemne que terá como obxectivo poñer en valor o traballo dos participantes e a historia deste galardón, un dos máis prestixiosos do xornalismo en lingua castelá, e no que tamén compiten concursantes de diferentes países do continente americano.
'Estamos moi contentos de colaborar con estes premios e poñer en valor aquelas partes menos efémeras dos xornais', dixo o representante da área Cultural do Corte Inglés e membro do xurado, Gervasio Posadas, para pechar a comparecencia.