"Los mejores columnistas no han escrito una línea jamás, están en la calle, en la lengua"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Ao máis puro estilo Julio Camba, cos seus toques de ironía, o seu ton ás veces satírico, sen faltarlle a dose de humor e con liberdade de composición. Ricardo F. Colmenero situouse este mércores ante o auditorio do Café Moderno de Pontevedra e reivindicouse como columnista e como digno herdeiro do xornalista de Vilanova de Arousa que dá nome ao premio que acababa de recibir. Un diploma acredítao como gañador do XXXIX Premio de Xornalismo Julio Camba polo artigo 'La Comunidad', publicado en El Mundo o 1 de abril de 2017 e o seu discurso de agradecemento confírmao como merecedor do mesmo.
O auditorio entregouse, compartiu risas e captou a súa fina ironía e acabou asentindo e dándolle a razón cando, tras explicar como foi o seu desembarco no columnismo, chegou á firme convicción de que "los mejores columnistas no han escrito una línea jamás, están en la calle, en la lengua y nosotros nos aprovechamos de ellos". Son, ao seu modo de ver, esas persoas das que el recolle ideas que logo plasma en textos como os que lle converteron en titular de tan prestixioso premio xornalístico.
Esa inspiración chégalle a el, ademais, en Galicia. Asentado en Eivissa desde hai anos, este ourensán de nacemento confesou que "cuando viajo a Galicia, vengo a coger material, a llenar los bolsillos" e volve a Baleares ben cargado para seguir escribindo.
Citou a contemporáneos como o pontevedrés Manuel Jabois, a David Gistau, Rafa Cabeleira, Manuel de Lorenzo ou Juan Tallón e detívose moito nun Camba ao que descubriu por un prólogo dun libro de Jabois e que lle permitiu darse conta de que tentaba escribir como el sen saber quen era e, sobre todo, sen saber "que era mucho mejor que nosotros, una versión más moderna". Ao mesmo tempo coñeceulle a el e deuse conta de que "el Iphone6 era de antes, de 1919, y no conseguíamos acercarnos al nivel".
O discurso dedicoullo aos seus pais, a súa esposa e o seu fillo aínda bebé, todos presentes no acto, o máis pequeno tan inmerso no teléfono móbil que ignorou que o seu pai se lle achegaba para sacar unha foto con el e o seu premio."El móvil supera a papá, al Camba....".
Menos irónico e máis serio foi o agradecemento do segundo homenaxeado da xornada, Santiago Jaureguízar, que recibiu o XV Premio de Xornalismo Fernández del Riego polo texto 'Pólvora sen Magnolia na Discoteca Clangor' aparecido en El Progreso e Diario de Pontevedra o 31 de decembro de 2017 e subiu a recollelo cunha camiseta co lema ' Liberté, Egalité, Beyoncé', unha versión propia da mensaxe que lanzou ao mundo a Revolución Francesa.
En Francia colleu a inspiración para a súa vestimenta e tamén para o artigo que lle valeu este recoñecemento, do que explicou que"fala dunha xeración que viviu o maio do 68, unha xeración de galegos que por vez primeira ía a Santiago a estudar" e que lle serviu para reivindicar a situación actual dunha Galicia na que se reducen o número de persoas que fala, escribe e fai cultura en galego.
O acto de entrega dos dous premios entregados por Afundación e o Ámbito Cultural do Corte Inglés incluíu unha conferencia tan histórica como de rabiosa actualidade, 'A liña de Arousa. Estereotipos e estigmas na narco-información', do veterano xornalista de investigación de RTVE Xaquín López, que comparou a situación actual que é vive co narcotráfico no Estreito de Xibraltar coa que se pasou en Galicia hai dúas e tres décadas e fixo repaso a momentos icónicos da loita contra o narcótrafico como a operación Nécora ou as nais contra droga e o seu 'asalto' ao Pazo Baión e pola especial inquina que ten cara a el o narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco.
Relacionadas:
-
O artigo 'Terra Rota', de Inma López Silva, gaña o premio Francisco Fernández del Riego
Por Manu Otero |
-
"A mi vecina, la que está buena...", así comeza o artigo gañador do Premio Julio Camba
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Miguel-Anxo Murado e María Varela recollen os premios Julio Camba e Fernández del Riego de xornalismo
Por Redacción |