O Multiusos Praza de Abastos acolle este sábado o concerto da Banda de Música de Marín
Por Redacción
Ante as previsións de tempo inestable, a asociación cultural MusiMarín en colaboración co Concello de Marín decidía trasladar o concerto previsto para este sábado 8 de xuño ás 20.00 horas no Auditorio de Briz ao espazo Multiusos da Praza de Abastos.
Neste concerto da Banda de Música de Marín o director invitado será Rubén Martínez Varelles, un autor que, entre os seus logros, obtivo o premio á mellor composición musical para banda 'Vila de Vilaframés'.
O concelleiro Manuel Santos presentaba este xoves esta cita cultural acompañado por Rubén Martínez e por Alberto Arribas, director titular da Banda, creada por mozos intérpretes formados na Escola de Música de Marín na que se imparten clases de múltiples disciplinas desde linguaxe musical, canto, harmonía ou instrumentos como, entre outros, a trompa, bombardino, óboe, tuba, percusión ou piano.
A entrada para este concerto no Multiusos Praza de Abastos de Marín será libre ata completar o espazo.