O marinense Diego Landín estreará o seu novo traballo coreográfico no teatro máis importante de México
Por Redacción
O marinense Diego Landín volve a España despois de estar tres meses traballando co Ballet de Monterrey en México. Alí, creou dúas novas coreografías, "Shorthand of emotion", para a compañía principal e "Brétema", dun corte máis contemporáneo, para a segunda compañía.
Ademais, durante este trimestre, traballou na reposición da súa peza "Inefable", cos bailaríns principais desta compañía. Durante todo o proceso traballou cun total de 25 bailaríns.
Tras terminar estas pezas ofrecéronlle o posto de coreógrafo residente da agrupación rexiomontana, pasando a formar parte da compañía co encargo de acudir, como mínimo unha vez ao ano, para crear unha nova obra para a institución mexicana.
Con tan só 25 anos, Diego Landín, xa se está posicionando como un coreógrafo referente a nivel internacional traballando con grandes bailaríns de todo o mundo, todo isto, compaxinándoo con diferentes proxectos para promover a danza en Galicia.
Elisa Carrillo, primeira bailarina do Ballet de Berlín, codirectora da Compañía Nacional de Danza de México e recentemente premiada co Benois da Danse, púxose en contacto co novo coreógrafo galego para mostrarlle interese en estrear as súas novas creacións no Teatro de Belas Artes da Cidade de México, nun programa conxunto a obras dos coreógrafos Marco Goecke e Nacho Duato o 5 de xullo dentro do festival Danzatlán.