Un outono co cinema máis sensorial
Por Redacción
A oferta audiovisual de Pontevedra complétase de aquí a decembro nun novo ciclo de cine na Casa das Campás. Nesta ocasión, cunha temática alternativa e innovadora, xa que inclúe proxeccións e conferencias que tentarán analizar o papel que xogan os sentidos no cinema, tanto dende o punto de vista funcional como temático.
Esta orientación axudará ao espectador a replantexar a súa relación coa instancia audiovisual, focalizando a atención nos actos que constitúen a propia esencia do medio, reflexiona o coordinador do ciclo, Xesús Novas, en verbas recollidas polo Diario da Universidde de Vigo.
Para este primeiro cuadrimestre, Novás deseñou un ciclo de películas clásicas nas que cobran especial protagonismo os sentidos da vista e do oído: A escoita e a ollada son actos consustanciais á práctica fílmica tanto na súa vertente textual como na súa esfera receptiva. A cita será cada venres ás 19.00 horas, aberta a toda a cidadanía e gratuíta.
Nesta edición, alternarase a proxección de filmes con relatorios, ampliando o radio de debate e de acción. Comezou este venres coa conferencia 'De olladas e escoitas: a percepción e o rexistro' e o vindeiro 26 de outubro comezarán as proxeccións co filme El diablo sobre rueda's, de Steven Spielberg.
O primeiro venres de outubro será a quenda de El Show de Truman e para o 9 de novembro retómanse as conferencias da man de José Manuel López, crítico de cine, que afondará no papel dos sentidos no cinema moderno. Un clásico de Alfred Hitchcock, La ventana indiscreta, centrará o debate do 16 de novembro e Monstruoso, de Mat Reeves, o do día 23.
Novembro pecharase co relatorio de Alberto Ruíz de Samaniego, profesor da Universidade de Vigo e crítico de arte, sobre a imaxe como espello da mente. O ciclo rematará en decembro coa proxección das películas El fotógrafo del pánico o día 7 e de La conversación o día 14.