Paloma San Basilio, Mago de Oz ou Berrogüetto formarán con Malú e Auryn o cartel das Peregrinas 2013
Por Alejandro Espiño
As Festas da Peregrina xa completaron o seu cartel de concertos. Despois de que PontevedraViva desvelase que Malú actuaría na Praza de España de Pontevedra o 16 de agosto, xusto un día antes de facelo Auryn (17 de agosto), o Concello de Pontevedra confirmou o nome do resto dos artistas que compartirán protagonismo musical durante a Semana Grande das festas.
Entre eles destaca especialmente o concerto que porá o broche de ouro á Peregrina 2013. Paloma San Basilio, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical español, será a encargada de animar aos pontevedreses no seu fin de festa. Será o 18 de agosto cunha actuación que se enmarca na xira coa que a artista madrileña despídese dos escenarios tras case corenta anos de carreira musical.
Segundo destacou a concelleira de Festas, Carme da Silva, Paloma San Basilio collerá o relevo doutros veteranos artistas que cada ano visitan Pontevedra nestas festas, como Raphael ou o Dúo Dinámico. Neste "voo final", como o define a propia artista, repasará as cancións máis coñecidas dunha carreira plagada de éxitos. Será un espectáculo no que despregará a súa elegancia, a súa conservada voz, o seu gran carisma e o seu marabilloso dominio do escenario.
Paloma San Basilio pechará unha semana de concertos que abrirá o grupo Mago de Oz, unha das formacións máis veteranas do rock estatal. No seu caso, a súa música soará na Praza de España o 10 de agosto, o primeiro día das festas. Farano con novo disco debaixo do brazo, Hechizos, pócimas e brujería, e cun novo cantante, Javier 'Zeta' Domínguez, trala recente saída da súa voz máis recoñecida, Jose Andrëa.
Ao día seguinte, o 11 de agosto, será a quenda de dúas históricas bandas do pop-rock español, La Guardia y La Frontera. Actuarán xuntas dentro dunha xira coa que están percorrendo todo o país. E xa o día 12 Pontevedra acollerá o espectáculo 40 World Dance Music Mix, un evento similar á festa de Máxima FM do que puidemos gozar en anos anteriores; e o 13 de agosto, día da Batalla de Flores, os Brincabolechas farán as delicias dos máis pequenos.
Tamén haberá un oco nesta Semana Grande para algunhas das formacións máis importantes da música folk galega. Como Berrogüetto que, estreando novo disco, actuará na Praza de España o 15 de agosto. Un día antes, o 14 de agosto, Pontevedra gozará dun espectáculo musical montado específicamente para estas festas. O protagonizarán os grupos Son de Seu e Fiadeiro.
Con esta programación, o Concello de Pontevedra destaca que a oferta musical das Festas da Peregrina 2013 "abrangue diferentes estilos" e considera que será do gusto da maioría dos pontevedreses.
Relacionadas:
-
Desde San Benitiño ata a Feira Franca todo será festa en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Malú actuará nas Festas da Peregrina de Pontevedra: o seu concerto, o 16 de agosto
Por Alejandro Espiño |
-
Primeiro concerto das Festas da Peregrina 2013: Auryn actuará en Pontevedra o 17 de agosto
Por Alejandro Espiño |