Dúas familias doan ao Museo obras de Sotomayor, Romero de Torres, Emilio Moreno e Miguel Coxie
Por Redacción
O Museo de Pontevedra consolida o seu carácter de institución cultural de referencia xa non só en Galicia senón a nivel nacional e internacional. Así o demostra, segundo a Deputación de Pontevedra, a confianza que cada día máis persoas de dentro e fóra de Galicia poñen nel á hora de legar os seus bens.
Ás numerosísimas doazóns e depósitos que xa atesoura nas súas salas e arquivos, o Museo de Pontevedra suma agora catro novos cadros, doados por dúas familias para que sexan expostas e conservadas nesta institución dependente da Deputación. As dúas familias doantes residen actualmente entre Madrid e Estados Unidos e ningunha delas ten a súa orixe en Pontevedra.
Unha das obras doadas é un cadro do século XVI, do pintor romanista flamenco Miguel Coxcie, autor dunha extensa obra, sobre todo de temática relixiosa e que se atopa en diversos centros de España. A obra doada é El tributo al César, un cadro de gran calidade que permitirá enriquecer a colección de pintura do século XVI que xa posúe o Museo Provincial.
A persoa que o doa é Milagros Pedrosa Roldán, de orixe galego aínda que residente en Madrid (tía do exalcalde de Pontevedra, Juan Luis Pedrosa). A obra poderá expoñerse na sala do edificio Castro Monteagudo, na que se atopan as pinturas dos séculos XV e XVI.
Os outros tres cadros doados pertencen ás irmás Francisca e Elia Bonmatí Montoya, residentes en Madrid e Estados Unidos respectivamente, e que decidiron doar ao Museo Provincial os retratos dos seus pais e da súa avoa, realizados por pintores tan prestixiosos como Fernando Álvarez de Sotomayor, Rafael Romero de Torres e Emilio Moreno.
Álvarez de Sotomayor foi a comezos do século pasado un dos pintores máis influentes e recoñecido do medio artístico oficial e, de feito, está considerado como o pintor da corte de Alfonso XII. Foi director do Museo do Prado en varias ocasións e tamén da Academia de Belas Artes de San Fernando. A obra que agora entrará a formar parte da colección do Museo é un retrato do escritor, xornalista e cineasta Francisco Bonmatí de Codecido.
De Rafael Romero de Torres, pintor tamén de gran prestixio, aínda que non acadou a fama do seu irmán, Julio, por ter falecido con só 33 anos, o Museo recibirá un retrato de Micaela de Codecido; mentres que de Emilio Moreno recibe o retrato de Elia de Montoya y Grondona.
DOAZONS QUE ENRIQUECEN O MUSEO
Doazóns como as que agora se reciben e que son unha constante ao longo de toda a historia do Museo, segundo a institución, que destacou que teñen contribuído de forma especial a converter este centro nun referente tanto para a cultura como para a investigación, ao posuír un dos máis amplos catálogos de fondos de Galicia.
Con máis de 18.000 asentos, foron moitas as familias, persoas e entidades que teñen feito ao Museo depositario de distintas pezas que forman parte xa da nosa cultura e da nosa historia, como pinturas, esculturas, debuxos, gravados, obxectos arqueolóxicos, moedas, instrumentos musicais, útiles da vida cotiá, mobles ou xoias.
Entre as últimas achegas figura a de tres cadros de gran formato de Castelao, cedidos en depósito permanente pola Real Academia Galega o pasado ano.