A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra ingresa na FEAM
Por Redacción
A xunta directiva da Federación Española de Amigos dos Museos (FEAM) aprobou a inclusión neste organismo da asociación de Amigas e Amgios do Museo de Pontevedra (AMUPo), unha entidade que preside Ernesto Vázquez-Rey.
Esta decisión será ratificada durante o XXVII Congreso Nacional de Amigos dos Museos, que se vai celebrar en Girona entre os días 5 e 7 de abril do vindeiro ano. A este congreso asistirán representantes da asociación pontevedresa.
AMUPo considera esta aceptación un paso importante na traxectoria da entidade ao ser recoñecida a utilidade da asociación como dinamizadora cultural. Con este ingreso, establecerán conexión con outras 107 asociacións e fundacións que manteñen relación con outros museos da xeografía española.
O obxectivo é protexer e divulgar o patrimonio público. Ademais, os integrantes de AMUPo contarán agora coa posibilidade de entrar de forma gratuíta en máis de 30 museos e entidades culturais.