Dez concertos forman parte da tempada 98 da Sociedad Filarmónica de Pontevedra
Por Redacción
Xa está aquí unha nova tempada, a número 98, de concertos da Sociedad Filarmónica de Pontevedra. Farao o próximo 15 de outubro, no Teatro principal, cun recital que estará a cargo do dúo formado pola mezzosoprano Marta Infante e o pianista Jorge Robaina.
Galardoados co Premio do Concurso Primeiro Palau da Música Catalá, Marta e Jorge presentarán ademais en Pontevedra o disco Dvorák Songs, unha gravación que está a ter unha espléndida acollida e críticas extraordinarias.
Na tempada que agora comeza haberá dous concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia. Era unha das actuacións máis desexadas pola entidade e que, por motivos económicos, non puidera ser antes.
Grazas a un acordo con Afundación, os dous concertos da formación celebraranse no seu auditorio de Pontevedra os días 1 de novembro e 4 de abril. A Sociedad Filarmónica facilitará as entradas aos seus socios, mentres que as persoas non socias que queiran conseguila poden facelo a través de ataquilla.com.
No concerto do 1 de novembro os pontevedreses poderán escoitar á violinista María Dueñas, que, con tan só dezaseis anos, está a converterse en todo unha revelación. Outro destacado violinista, Stefan Jackiw, actuará como solista no concerto do 4 de abril.
O 22 de novembro actuará para a Sociedad Filarmónica unha agrupación de orixe alemá, o Cuarteto Diógenes, un grupo que está a obter numerosos éxitos por toda Europa e que en Pontevedra ofrecerán un programa moi atractivo e variado, con obras de Mozart, Shostakovich e Brahms.
E para terminar o ano, actuará o Cuarteto Amar Art, formado por profesores solistas da Orquestra de RTVE, e a clarinetista Ona Cardona, e no que se poderán escoitar os dous quintetos para clarinete e cuarteto de corda máis emblemáticos da historia da música, os de Mozart e Brahms.
Febreiro de 2019 acollerá dous concertos. O primeiro deles a cargo da pianista Rosalía Gómez Lasheras e, unha semana despois, un trío de extraordinaria calidade, o Trío Rodin, Medalla de Ouro nos Global Music Awards de EEUU (2017).
En marzo será a quenda do Cuarteto Ophir, grupo formado por músicos moi novos, creado en 2016 na Escola Superior de Música de Cataluña, e que finalizaron os seus estudos baixo a tutela de membros do Cuarteto Casals. E en abril será a quenda dunha das figuras máis valoradas do panorama musical actual, a pianista Judith Jáuregui.
A tempada pecharase no mes de maio co grupo de música barroca El afecto ilustrado, formado pola extraordinaria soprano canaria Estefanía Perdomo, dous violíns barrocos, viola barroca, violoncelo barroco, tiorba, guitarra barroca e archilaúd. Presentarán o programa Serenissima, con música de Antonio Vivaldi.