Cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras buscarán novas ideas en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Máis de quince cadeas de televisión, distribuidoras e produtoras de toda España confirmaron a súa presenza nun evento que o sector celebrará na cidade de Pontevedra os días 20 e 21 de novembro. O obxectivo deste encontro é buscar novas ideas e produtos para desenvolver proxectos no ámbito audiovisual.
Trátase da duodécima edición do pitching I+P Ideas para producir, organizado polo Clúster Audiovisual Galego.
A xornada de presentación de proxectos audiovisuais e encontros one-to-one reunirá a directivos de grupos de televisión nacionais cos propios creadores.
Así, estarán en Pontevedra Fernando López Puig, director de Cine e Ficción de TVE; Jorge Tuca, director de Desenvolvemento de Proxectos de Telecinco Cinema; Beatriz Herzog, delegada de Contidos de Ficción de Atresmedia; Rosa Pérez, produtora de Atresmedia Cine, ou responsables do departamento de Programas de Ficción de Mediaset España e da Área de Contidos do Grupo Euskaltel, entre outros.
Tamén asistirán executivos de canles autonómicas como o xefe de Ficción e Cine de TV3, Oriol Sala-Patau; o responsable de Ficción de Televisión da EITB, Josu Bilbao; e directivos dos departamentos de Contidos da RTPA asturiana e da TVG.
O I+P Ideas para producir contará ademais coa participación de Carlos Fernández, CEO de Filmax; Cristian Caggiano, responsable de Vendas de DeAPlaneta; e Manuel Monzón, produtor executivo de A Contracorriente Films.
Este ano tamén asistirán ao I+P os responsables dos departamentos de Ficción das produtoras Sr. Mono, César Rodríguez, e Boomerang TV, Josep Cister e María Fernández, entre outros.
As empresas e os profesionais do audiovisual interesados en participar nesta xornada poden inscribirse ata o día 8 de outubro. Para iso teñen que enviar o formulario que encontrarán na páxina web do Clúster a comunicacion@clag.es.
A partir do día 30 de outubro a organización comunicará aos seus responsables os proxectos seleccionados para participar no pitching.
Relacionadas:
-
Pontevedra véndese como plató de rodaxe ante profesionais do audiovisual de toda España
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
As máis importantes produtoras españolas seleccionarán proxectos audiovisuais no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Telecinco estrea "Vivir sin permiso", a serie con José Coronado e Álex González gravada en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prepara a alfombra vermella para acoller a preestrea de 'La sombra de la ley'
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra cae do plan de rodaxe de "Elisa y Marcela", a nova película de Isabel Coixet
Por Alejandro Espiño |