Pontevedra cae do plan de rodaxe de "Elisa y Marcela", a nova película de Isabel Coixet
Por Alejandro Espiño
Elisa e Marcela, as dúas mulleres coruñesas que, no ano 1901, lograron casar pola Igrexa, non "pasearán" a súa historia por Pontevedra. A película que sobre elas roda en Galicia a directora Isabel Coixet non rodará finalmente ningunha escena na cidade.
A produtora da película, Zenit Televisión, confirmou a PontevedraViva que a intención inicial era rodar en Pontevedra parte dos exteriores da película, especialmente en lugares nos que poder representar o ambiente da época na que casou a parella, o primeiro matrimonio entre mulleres do que, polo menos oficialmente, hai constancia en España.
Con todo, ante o "moi axustado" calendario de rodaxe os responsables da película decidiron concentrar a rodaxe en localidades das provincias da Coruña e Ourense, entre elas Brión -onde comezou a gravación- e Celanova.
Trátase, sinalan desde a produtora, dunha decisión que se tomou por "cuestións prácticas", ao carecer de tempo para mover a rodaxe entre diferentes localizacións.
Isabel Coixet, gañadora do Goya á mellor dirección por La librería, conta para este novo proxecto coas actrices Natalia de Molina (Techo y comida) e Greta Fernández, que serán as encargadas de encarnar á parella protagonista.
Elisa e Marcela casaron pola igrexa na parroquia de San Xurxo da Coruña. Para iso, Elisa disfrazouse de home e adoptou unha identidade masculina baixo o nome de Mario Sánchez. O párroco acabou descubrindo o engano e a parella foi perseguida, aínda que o acta matrimonial nunca chegou a anularse.
O elenco inclúe, entre outros, a actores galegos como María Pujalte, Sara Casasnovas, Tamar Novas, Roberto Leal, Manuel Lourenzo, Luisa Merelas, Mariana Carballal, Cova Verdiñas e Elena Seijó.
A película, coproducida polas compañías Zenit, Lanube Películas e Rodar y Rodar, conta coa colaboración de TVG, TV3, Canal Sur, Netflix e a Axencia Galega de Industrias Culturais.