Willy Toledo, en marzo en Pontevedra cunha obra sobre o drama dos refuxiados
Por Redacción
O controvertido actor Willy Toledo, de actualidade tras ser detido por negarse a acudir aos xulgados para declarar polas súas ofensas á relixión, estará en Pontevedra o próximo mes de marzo. Á Boa Vila chegará a obra teatral Vía muerta, o seu novo espectáculo.
Fontes municipais confirmaron que Vía muerta, que trata sobre a realidade dos refuxiados aos que a Unión Europea pecha as súas portas, será unha das obras que integre a programación escénica do primeiro trimestre de 2019 no Pazo da Cultura.
A obra, escrita por Carlos Olalla e dirixida por Eva Egido, está protagonizada polo propio Carlos Olalla, Willy Toledo, a actriz e clown italiana Elena Oliveri e Iván Prado, representante da ONG Pallasos en Rebeldía e coñecedor de primeira man dos campos de refuxiados.
Trátase dun espectáculo socialmente comprometido que, ademais de rescatar o tema dos refuxiados, destina o 10% da súa recadación á ONG Pallasos en Rebeldía para financiar as súas futuras actuacións neste tipo de campamentos.
Vía muerta converte o seu escenario nun campamento de refuxiados separado da platea por un valo e aos espectadores en emigrantes que, durante toda a representación, ven unhas butacas baleiras que representan o malgasto da Europa que lles nega a entrada.
A través de diferentes escenas e monólogos, os personaxes farán vivir aos espectadores a experiencia de ser un refuxiado ao que se lle pecha a porta de Europa.
O silencio, segundo os seus promotores, ocupa un lugar destacado durante a representación, como tamén o ocupa a vía de tren atravesada por un valo que pasa xunto ao campamento e que, desde que se pechou a fronteira, converteuse nunha vía morta.