Unha exposición reúne os traballos de fin de grao do pasado curso en Belas Artes
Por Mónica Patxot & Redacción
"Do final e do comezo" é a exposición que desde este xoves reúne no Pazo da Cultura as obras que 40 novos graduados en Belas Artes desenvolveron para os seus traballos de fin de grao.
As obras supoñen unha representación das múltiples disciplinas que o alumnado aborda na súa formación, desde o debuxo, a pintura ou a escultura, á instalación, a animación ou o libro de artista, pero que tamén, segundo explica a profesora da Facultade de Belas Artes Loreto Blanco comisaria da exposición, "desvelan os intereses creativos e artísticos desta nova promoción".
A exposición que poderá visitarse no Pazo da Cultura ata o 30 de setembro foi inaugurada na tarde deste xoves.
As persoas que se acheguen ata o Pazo poderán ver desde grandes cadros a pequenas e íntimas teas bordadas, desde esculturas texturadas e orgánicas a sobrias xeometrías, desde papeis con debuxos xigantescos a libros que recollen xestos en pequenos espazos de papel, desde instalacións etéreas a instalacións realizadas con fragmentos de espazos habitados, cargados de novos e múltiples sentidos.