Pepe Viyuela celebra os seus 20 anos sobre o escenario representando "La encerrona" en Pontevedra
Por Redacción
A Fundación Novacaixagalicia ofrecerá o vindeiro venres 17 e sábado 18 de maio o espectáculo de humor La encerrona de Pepe Viyuela en Vigo e Pontevedra respectivamente. A representación de Vigo será no teatro do Centro Cultural da entidade ás 21.00 horas, e en Pontevedra, no Centro Social da fundación galega, situado en Augusto González Besada, ás 20.30 horas.
O espectáculo de Viyuela, La encerrona, chega para ofrecer setenta e cinco minutos de humor para todos os públicos no ano no que celebra o seu vinte aniversario sobre os escenarios. Unha actuación que deixa constancia das súas dotes de actor e clown a través do dominio de diversas técnicas que el pon ao servizo do humor e a través da súa excelente relación e interacción co público.
A representación vén ser unha reflexión sobre o cotián desde a perspectiva dun pallaso, tirada da historia dun home que se atopa pechado no escenario, un personaxe que, enganado, vai dar ás táboas dun teatro crendo que tomaba outro camiño. De súpeto, o público fronte a el mírao e parece esixirlle algo, así que o home vese obrigado a actuar sen querelo. Así que, provocado polo pánico e pola responsabilidade, o protagonista, coma un bufón de corte arroxado ao salón do trono, representa o seu papel para os seus observadores.
Os seus únicos compañeiros de travesía serán unha serie obxectos cotiáns que vai atopando e cos que intenta saír do paso: unha cadeira, unha guitarra, unha chaqueta, un xornal e, finalmente, unha escaleira. Con eles improvisa, xoga, sofre e divírtese, enfróntase a eles como se fose a primeira vez, como se fose un neno, como se esquecese ou non soubese o seu uso.
Estamos perante unha metáfora na que o pallaso é, realmente, cada un de nós e o seu xogo é a vida, tamén, de cada un, obrigados a existir, obrigados a actuar, obrigados a seguir adiante.
As entradas, que teñen un prezo desde 14 euros, pódense adquirir a través das canles habituais: a billeteira telefónica 902 504 500 ou www.servinova.com.