Experiencia visual entre Pontevedra e Brasil na Casa das Campás
Por Redacción
Na madrugada do sábado 20 haberá unha conexión audiovisual pública entre Pontevedra e Brasil.
Esa noite, se o tempo o permite, un grupo de alumnos de Comunicación Audiovisual de Cine de Florianópolis participará nunha acción visual interactiva que se vai proxectar na fachada da Casa das Campás. ÿ un achegamento entre a creatividade audiovisual e os novos soportes promovido polo profesor Oswaldo García. Este profesor nunha viaxe de investigación á Universidade Federal de Santa Catalina de Brasil entrou en contacto coa profesora Clelia Mello e os dous decidiron organizar unha videoconferencia na que a mensaxe non foxe a convencional.
A preparación deste traballo levou dous meses e a intención é que se poida elaborar un diálogo visual interactivo a través de "códigos cinematográficos distintos".
Para desenvolver a actividade, o alumnado participante dun e doutro continente disporá de cinco ordenadores portátiles con proxectores programados de tal xeito que a imaxe xerada en Brasil se visualice en Pontevedra e viceversa. Segundo afirma Oswaldo García: "todo o que se proxecte nesta sesión vai ser en rigoroso directo, resultado do que capten coas súas cámaras web e outros dispositivos móbiles no momento",
"Haberá performances, traballos con texturas de arte, percorridos visuais pola zona gravados con móbiles sincronizados aos portátiles para enviar a imaxe en tempo real, creación de escenarios no propio teclado do ordenador, xogos de luz...", exemplifica.
O nexo condutor entre toda esta relación de actividades será unha secuencia musical de trinta minutos creada polos dous profesores que mestura a identidade sonora de Brasil e Galicia.
Con esta iniciativa, os organizadores queren tamén promover o aproveitamento dos espazos públicos e Oswaldo García afirma que "non ten porque haber cine só dentro das salas, tamén fóra". Deste xeito, o que se agarda é que se establezan espazos culturais de cara ao futuro con máis países de América do Sur.